O pasado fin de semana pechábanse en Santiago os traballos do Sínodo Diocesano. As asembleas xerais que se celebraron desde o pasado mes de outubro finalizaron a súa reflexión sobre os relatorios que foran obxecto de estudo. Todo ese material, xunto ás achegas realizadas nas asembleas, xa están en mans do arcebispo, monseñor Julián Barrio, para a súa definitiva aprobación e que se convertan, así, “en normativa diocesana”, tal e como se indica na “Mensaxe Final do Sínodo Diocesano”, un texto que xa se pode consultar en http://www.archicompostela.gal/finalizaron-los-trabajos-del-sinodo-diocesano. Ao rematar este período de sesións, o Sínodo Diocesano fixo público, ademais, o seguinte comunicado final dirixido aos medios de comunicación social.
COMUNICADO FINAL
Acaba de terminar o período de sesións do sínodo diocesano. Durante catro anos a Igrexa compostelá reflexionou sobre a súa identidade e a súa actuación, buscando ser cada vez máis fiel ao Evanxeo, sabendo que o Evanxeo ha de ser boa noticia para as xentes da nosa terra e do noso tempo.
Nas propostas formuladas polas parroquias e outras comunidades, falábasenos dunha Igrexa:
- Menos clerical e máis corresponsable, aberta á voz e a participación de todos os seus membros;
- Menos centrada en si mesma e os seus problemas, para estar máis aberta ao mundo e á súa misión;
- Menos preocupada da súa honra e máis envorcada en honrar o Señor que sae ao seu encontro nos máis necesitados;
- Que antes de ser mestra, saiba ser discípula, no seguimento da palabra e o exemplo de Xesús;
- Que antes de ofrecer respostas saiba escoitar as preguntas que o mundo lle dirixe.
Froito dos traballos sinodais foron cinco documentos que buscan:
- Organizar a atención pastoral de forma máis adecuada aos cambios demográficos, promovendo unidades pastorais que agrupen varias parroquias.
- Mellorar o noso modo de vivir e transmitir a fe.
- Promover un maior sentido de corresponsabilidade entre todos os membros da nosa Igrexa, no pastoral, o administrativo e o económico.
- Revisar as nosas celebracións, para que sexan cada vez máis unha celebración viva dunha fe comprometida.
- Impulsar unha maior conciencia social na nosa diocese en distintos ámbitos: cultural, educativo, político, económico, comunicativo… cunha especial atención ás persoas social e economicamente máis débiles.
Toca agora poñer en práctica estes proxectos, sabendo que non sempre será fácil, pero contando coa esperanza que nos anima, co Espírito que nos impulsa a manifestar ao mundo o amor misericordioso de Deus que se manifestou en Xesucristo.